Thursday 25 de April de 2024

O Consorcio pedirá a Vueling alternativas de novas rutas ante a decisión unilateral da compañía de non operar a ruta con París


Se a compañía aérea non ofrece alternativas viables o Consorcio sacará de novo a concurso o destino París para que sexa cuberto o antes posible por unha nova aeroliña

O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña pedirá á compañía Vueling alternativas de novas rutas despois de que a compañía decidise, de modo unilateral, non operar a ruta coa capital francesa, a pesar de terse presentado ao concurso convocado o ano pasado.

Se finalmente a compañía aérea non ofrece alternativas viables, o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña sacará de novo a concurso o destino París para que sexa cuberto o antes posible por unha nova aeroliña, destinando para isto o mesmo importe inicialmente previsto: 275.000 euros máis IVE.
Próximas conexións

A Coruña contará en breve con máis conexións aéreas internacionais froito do mesmo concurso para a promoción turística da cidade. Neste mesmo mes de marzo empezarán a operar as novas rutas que unirán A Coruña con Xenebra e Milán coa compañía aérea EasyJet. Contarán con dúas frecuencias semanais.

A estas dúas novas conexións sumarase no segundo semestre outra conexión internacional. Neste caso será con Ámsterdam, operada pola mesma compañía.

Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña
Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.